O artigo 60 da Lei Orgánica 2/2023, do 22 de marzo, do Sistema Universitario (LOSU) estableceu que os grupos de investigación recoñecidos pola Universidade, os departamentos e os institutos universitarios de investigación, así como o seu profesorado, ben a través destes ou dos órganos, centros, fundacións ou estruturas organizativas similares da universidade dedicados á canalización das iniciativas investigadoras do profesorado á transferencia dos resultados da investigación, poderán asinar contratos con persoas físicas, universidades ou entidades públicas ou privadas para a realización de traballos de carácter científico, tecnolóxico, humanístico ou artístico, así como para actividades específicas de formación.
Segundo o Regulamento da UDC para a contratación de servizos científicos, artísticos, humanísticos ou docentes, aprobado no Consello Social o 29 de maio de 2024, este tipo de contratos poderán formalizarse a través da UDC ou a través das diferentes entidades habilitadas para iso (fundacións e entidades xestoras que teñen un convenio específico asinado coa UDC para xestionar este tipo de contratos). Os contratos xestionados a través da UDC serán tramitados directamente na OTRI. Ademais, crearase unha plataforma informática.